12 Maio 2011
[...] atopámonos cunha universidade pública que segue a sufrir reformas ou medidas que avanzan nos obxectivos da Estratexia Universidade 2015 (EU2015). O ensino medio vese afectado negativa e principalmente polas novas trabas impostas ao estudiantado da FP para o acceso á universidade, que avanza na elitización da educación superior, así como pola lei complementaria da lei de economía sostible, que orienta a educación media ao tecido empresarial.
Estatuto do Estudante Universitario.
Rematando o ano, e nun momento académico de difícil resposta estudantil, o Goberno español adoptou o Real Decreto polo que se aproba o Estatuto do Estudante Universitario, un dos eixos da EU2015.
Falamos dunha norma que foi elaborada sen contar coa participación do movemento estudantil, máis aló dalgunhas asociacións máis ou menos afíns ao Goberno; en canto a dereitos non recolle garantías materiais para o seu cumprimento; referente aos deberes, comprende un réxime sancionador que mantén algúns dos principios do represor Decreto franquista de 1954, aínda en vigor; resalta a creación do Consello Estatal do Estudante Universitario (CEEU), que fora de establecer un órgano participativo que sirva como interlocutor entre o Ministerio de Educación e a pluralidade do movemento estudantil, configura unha estrutura vertical, claramente controlada polo Ministerio, até o punto de que o presidente do CEEU é o propio ministro.
Financiamento universitario.
O eixo da EU2015 do Financiamento universitario ven de avanzar na súa aplicación. En incoherencia coa afirmación da ministra Cristina Garmendia en marzo do 2009 cando dixo que os préstamos-renda non substituirían ás bolsas a fondo perdido e que aqueles se facilitarían a interese cero, a día de hoxe podemos constatar a manipulación do Goberno do PSOE denunciada polo movemento anti-Boloña.
Os cambios producidos pola nova orde ministerial que regula as novas condicións dos préstamos para estudos de posgrao e máster endurecen as condicións do pago e devolución, que se concretan na desaparición do interese cero coa creación de intereses para os préstamos; e na supresión do atraso na devolución, se o receptor do préstamo non superaba ao traballar un salario de 22.000 € ao ano. Ademais, a partida orzamentaria asignada ao programa de préstamos universitarios viuse incrementada desde os 50 millóns da primeira convocatoria do 2007 até os 100 millóns da convocatoria do 2010, mentres as axudas de gobernos autonómicos e universidades reducíronse.
Tamén no ámbito do financiamento universitario, a prensa comeza a facerse eco do Documento de mellora e seguimento das Políticas de Financiamento das Universidades, o cal pretende aumentar o custo das taxas ás e aos estudantes repetidores a partir do curso 2013/2014. O documento que calcula que o estudante paga o 15% do custo dos seus estudos, expón subir a segunda matrícula a un 50% do custo, e a terceira matrícula ao 100%. Comunidades autónomas como Catalunya ou o País Valencià xa anunciaron que aplicarían dun ou doutro xeito esta medida.
Ante a defensa oficial desta proposta fundamentada na procura da excelencia académica, e o rexeitamento á subvención pública dos/as estudantes que repiten materias, hai que denunciar que o estudiantado non é o único responsable do fracaso académico, a docencia e os moitos erros na repartición da carga lectiva dentro dos plans de estudos, e máis grave sabendo do período de tránsito a Boloña, son determinantes deste fracaso; que se trata dunha medida recadatoria; que as taxas obstaculizan a materialización do dereito universal á educación universitaria, promovendo o abandono académico; que non se observa ningunha solución para esas materias “tapón”, nas cales a maioría de estudantes son repetidores/as mesmo en máis de dúas ocasións, e que supón unha traba para as universidades; e que esta proposta gobernamental fai especial dano ao estudantado de certas carreiras cun alto índice de suspensos, tales como as enxeñarías e a arquitectura.
Como unha das fases previas que o Goberno ten previstas para esta subida de taxas atópase a fixación do custo real dos estudos universitarios durante o curso 2012/2013 coa finalidade de calcular a penalización ao estudante repetidor. Trátase dunha tarefa moi complexa e para a cal non existen datos suficientes, e que sen dúbida puidera ser unha causa burocrática que atrasase o proceso.
Goberno da universidade pública.
O eixo da EU2015 da ‘Gobernanza’ igualmente atópase no debate político da actual conxuntura. Tras a publicación por parte do Ministerio de Ciencia e Innovación a principios do 2010 do informe sobre o modelo organizativo da Universidade, “Estratexia Universidade 2015. A gobernanza da universidade e as súas entidades de investigación e innovación", documento asinado pola Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE) e elaborado pola Fundación Conocimiento y Desarrollo (Fundación CyD), de cuxa presidenta é Ana Patricia Botín; a cuestión da ‘Gobernanza’ volta ao debate.
Despois da proposta dos presidentes dos consellos sociais de sete universidades públicas catalás de suprimir as eleccións a reitor ou reitora e eliminar as xa de seu pouco democráticas estruturas de goberno da universidade pública; que levou ao Claustro da Universitat de Barcelona (UB) o pasado 17 de decembro a votar a destitución de Joaquim Coello, presidente do Consello Social da Universitat de Barcelona (UB); o goberno da Generalitat de Catalunya está lanzado á aplicación do novo modelo de goberno empresarial para a universidade pública.
Desde o goberno neoliberal de Catalunya preténdese pór en marcha un pacto que defina un modelo de ‘gobernanza’, vendéndose como un consenso entre os distintos sectores universitarios de Catalunya, e que permita ir ás eleccións xerais de 2012 cunha fronte común desde este territorio.
Os reitores das universidades públicas catalás súmanse á proposta da Generalitat catalá. Defenden unha maior “eficiencia” do sistema de goberno das universidades, é dicir, apostan por avanzar a un modelo de goberno técnico-empresarial da universidade. No seu posicionamento, ligan dita reforma, co financiamento universitario, e especialmente cun aumento dos recursos. Os máximos representantes das universidades públicas catalás critican moitos dos artigos e mensaxes públicas dos últimos meses que con argumentos non fundamentados menosprezan gratuitamente o sistema universitario para tratar de xustificaren a necesidade de reformas.
Màrius Rubiralta, secretario xeral de Universidades do goberno español, xa expresou a imposibilidade temporal de modificar a LOM-LOU antes das eleccións xerais para o cambio do modo de elección dos órganos de goberno da universidade, isto é, para acabar co proceso democrático de elección do goberno da universidade; o que volve reflectir o oportunismo do PSOE, e que ademais non exclúe continuar planificando o proceso. Á súa vez, Rubiralta anima ás comunidades autónomas para que dentro do marco das súas competencias aumenten as funcións dos consellos sociais.
É de esperar que tras as eleccións do 22 de maio ás asembleas lexislativas de 13 comunidades autónomas, distintos gobernos autonómicos aceleren con medidas ao alcance das súas competencias o desenvolvemento tanto do eixo da ‘gobernanza’ como sobre todo do eixo do financiamento universitario.
Lei da Ciencia.
Dentro dos eixos da EU2015 da Investigación, a Transferencia de coñecemento e o PDI, encadramos esta Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación, que se admitiu a trámite parlamentario en maio do 2010, aprobouse polo Congreso dos Deputados a data do 16 de marzo do presente ano, e foi pasada ao Senado para o seu debate.
Esta nova Lei da Ciencia que substituirá á de 1986 responde á suposta nova función do coñecemento da universidade, que se sumaría ás funcións de formación e investigación. Expoñen que xurdiu aquela nova función, froito do crecemento nas últimas décadas do papel innovador da universidade, e que hai que transformar a universidade baixo o criterio desta función. Este esquema é falso, o coñecemento científico sempre se volcou desde a universidade ao mercado mediante as aplicacións tecnolóxicas. A cuestión é que até o de agora a universidade tiña unha mínima independencia para a investigación respecto dos intereses empresariais; o mercado incorporaba ao tecido produtivo aquilo que lle era rendible. Agora o que se impón é unha nova dirección inversa na relación universidade-mercado na que é o tecido empresarial quen dita á universidade pública o que ten que investigar de acordo coas súas necesidades produtivas.
Ademais de implementar mecanismos para camiñar no sentido indicado no parágrafo superior, a Lei da Ciencia aborda a situación laboral das e dos traballadores da investigación. Trátase dunha lei que precariza nun maior grao as xa precarias condicións laborais do devandito colectivo, xerando máis inestabilidade. Unha lei que, entre outras cuestións, non recoñece ao persoal da investigación nas seu tres ramas (científicos, técnicos e persoal de xestión); igualmente non recoñece a carreira profesional para o persoal técnico e de xestión; fixa a reconversión das bolsas en contratos de até catro anos, o que sería unha cuestión positiva, pero que á súa vez reduce as condicións e os salarios actualmente percibidos; suprime a posibilidade de acceder a un contrato indefinido por encadeamento de contratos no mesmo posto de traballo.
Ensino Medio.
As novas trabas impostas ao estudiantado da FP de CFGS (Ciclo Formativo de Grao Superior) para o acceso á universidade supoñen un paso máis na elitización da educación superior. Este colectivo de estudantes deberá presentarse ás probas específicas da PAU (Proba de Acceso á Universidade) se pretende subir a nota até os 14 puntos, coa particularidade engadida de que as materias para examinarse serán as que corresponden aos itinerarios do Bacharelato, en lugar dos contidos dos módulos da FP.
Esta medida aprobada en xaneiro pola modificación do decreto que regula a entrada de estudantes da FP aos graos universitarios, forma parte da estratexia da nova PAU que dificulta o acceso á universidade, promovendo un aumento dos estudantes matriculados na FP, e que por último limita o acceso desde o ciclo superior da FP á universidade. O motivo de fondo é condenar ao estudiantado da FP á precariedade laboral e aos contratos lixo, entendendo a FP como a gran fábrica de traballadoras/es precarias/os.
Lei de Economía Sostible.
A Lei de Economía Sostible, que entrou en vigor o pasado 5 de marzo, é unha norma moi ampla en canto aos sectores e aspectos que modifica a súa regulación, que máis aló da retórica oficial do crecemento sostible da economía, expón un avance das políticas neoliberais tanto na privatización dos servizos públicos como na mercantilización da relación da Administración Pública co tecido empresarial.
No que afecta ao sistema educativo, os cambios concrétanse pola Lei Orgánica complementaria da Lei de Economía Sostible, que se encadra no modelo económico que se inspira na falsa terceira función do coñecemento da universidade analizada neste Informe no aparado de Lei da Ciencia. Trátase dunha normativa que orienta a educación media ás necesidades do tecido produtivo.
Respecto das medidas concretas e principais recollidas por esta Lei, atopámonos referente á Formación Profesional, a programación desde as administracións educativas do ensino e das materias de acordo ás demandas das empresas do territorio e ás necesidades de formación destas de perfís laborais, que analizamos que estarán encamiñados a dar servizo á precariedade do mercado laboral.
Tamén na FP, prográmase a creación de “entornos integrados de educación superior”, o que leva a que os centros de formación profesional se instalen incluso físicamente nos campus universitarios onde se cursen carreiras relacionadas profesionalmente cos ciclos de grao superior que correspondan. Todo iso de cara a facilitar ao tecido empresarial a transferencia de coñecementos e recursos públicos que previamente se produciu ao seu servizo.
Doutra banda, na Secundaria elimínase do 4º curso da ESO o catálogo de materias optativas entre as cales o/a estudante escolle tres, de xeito que deixa ás administracións educativas a designación da lista de materias, na perspectiva de que o estudantado elixa entre aquelas materias que en cada momento e territorio mellor os cualifiquen para as necesidades laborais do tecido produtivo, sen pararse a valorar as consideracións educativas e científicas que garantan unha formación integral.
Así, prevese a conformación de agrupacións destas materias optativas en dúas modalidades de estudo tras a obtención do título de graduado en ESO: os ciclos formativos de grao medio e o bacharelato. Deste xeito, configúrase o 4º curso da ESO como unha etapa ‘orientativa’ para o estudantado, medida que beneficiará a estratexia de masificar a FP e convertela nunha fábrica de traballadoras/es precarias/os.
Afondando aínda máis na citada estratexia, promóvese segregar xa desde o 3º curso da ESO ás e aos estudantes que non aproben o devandito curso, coas posibilidades de que se matriculen ben en programas de cualificación profesional inicial (nivel inferior aos ciclos formativos de grao medio da FP) ou ben en programas de diversificación curricular.
Non menos grave é a introdución da avaliación por competencias tamén na ESO, especialmente no 4º curso para os estudantes que non se gradúen no título da Secundaria, que serán acreditados cun certificado do nivel de adquisición das competencias básicas. Esta política, na mesma liña que o conxunto da lei, favorece a adaptación da educación impartida ás necesidades e aos perfís profesionais requiridos polas empresas, en lugar de promover unha formación completa e loitar contra o fracaso escolar con medidas reais de apoio.
Extracto do Informe Político do Comité Sectorial de Estudantes da XC do 26 de marzo do 2011








