|
Nos anos sesenta, activáronse en todo o mundo multitude de grupos cunha estratexia transgresora, revolucionaria e transformadora, impulsando un proxecto que non só loitaba pola erradicación da LGTBI-fobia, senón que pretendía un cambio radical en todos os ámbitos sociais e cunha crítica potente cara ao sistema capitalista. Durante as folgas dos oitenta, os activistas LGTBI solidarizábanse cos mineiros ingleses ou anteriormente nas loitas do 68. Movementos combativos, solidarios, e revolucionarios.
A desvinculación do movemento obreiro e os movementos LGTBI, os silencios, os escasos debates e os poucos compromisos activos por parte da esquerda, contribuíron a un xiro cara a un activismo reformista e atrapado nun mercado rosa especulador de dereitos e liberdades e que converte o suxeito revolucionario en suxeito de consumo. A pesar disto, desde que unha bolleira esperta cada día á súa hora, xa a lesbofobia está aí. O heterosexismo non deixa de exercer o seu poder. A transfobia esmaga ás trans migrantes, pero non é noticia, só as mortes son noticia. Iso non quere dicir que non existan agresións e ataques diarios, só que son invisibilizados e silenciados. A liberdade e a emancipación da clase obreira debe ser unha experiencia real e necesaria para acabar con todo tipo de opresión cara ás diversas formas de vivir a sexualidade. Desde a Xuventude Comunista vemos necesario e urxente acabar co control, a represión e a manipulación da sexualidade así como con calquera tipo de opresión. É primordial e necesaria a loita contra a subordinación das persoas LGTBI, e especialmente daquelas persoas que desafían o sistema sexo/xénero: as persoas trans. A transexualidade cuestiona a idea da suposta naturalidade dos xénero, é dicir, que nacer macho da especie humana implica de xeito natural sentirse home e nacer femia supón sentirse muller. As persoas que non se identifican co xénero que socialmente se corresponde co sexo biolóxico de nacemento, son vistas como patolóxicas, pois se presupón que a identidade de xénero está determinada biolóxicamente polo sexo e que ambos os xéneros son dicotomías entre as cales non podería existir nada. A pesar de que non existen probas diagnósticas obxectivas nin fiables que determinen quen é verdadeiramente transexual, o lobby psiquiátrico segue insistindo na patoloxización da transexualidade. Desta forma, reclamamos a inmediata despatoloxización da transexualidade e denunciamos a hipocrisía do PSOE e a mal chamada "Lei de Identidade de Xénero" que segue tratando a transexualidade como unha patoloxía. As persoas trans deben ser as verdadeiras protagonistas dos avances lexislativos que se produzan, non un puñado de votos a conseguir. Os dereitos non son un negocio, nin económico nin electoral. Resúltanos incoherente que o goberno ZP leve o mérito do progreso LGTBI, mentres encerra a migrantes heterodisidentes en centros de internamentos, onde se vulneran os dereitos máis esenciais do ser humano. A LGTBI-fobia, o racismo e a xenofobia non son máis que instrumentos do sistema para dividir e oprimir duramente á clase obreira. Ante as diferentes opresións sistemáticas, desde a Xuventude Comunista reclamamos unha maior solidariedade entre a clase obreira que resista os intentos de dividir e desorganizar as loitas. Toda acción que sexa meramente egoísta e insolidaria, reforza o sistema de represión xeral que se nutre dos prexuízos, privilexios e valores que fan existir a LGTBI-fobia á beira de moitas formas de discriminación. Dicir solidariedade, é loitar contra os poderosos, contra a homofobia, contra a precariedade das migrantes trans, contra os contratos lixo dos intersexuales, contra as malleiras ás travestis. Neste 28 de xuño, desde a Xuventude Comunista queremos que se saiba que xustamente a LGTBI-fobia vai da man do mantemento dun sistema social,xa que logo, nunca vai loitar contra a LGTBI-fobia alguén que se beneficie dese mesmo sistema.Non por ser marica ou bolleira, senón por pertencer á clase social represora e poderosa. |