Revista Axitación

Caixa de Ferramentas

Caja de Herramientas de la UJCE

Afíliate!!
Tercera Información
Formacion

banner apostasia

Medio milleiro de persoas no acto de Refundación da esquerda na Galiza PDF Imprimir
Martes, 08 Xuño 2010 18:41

 

O 5 de xuño de 2010 poderá pasar a historia como a data do rexurdir da

esquerda anticapitalista na Galiza. Con este pensamento abandonaron o acto principal da Refundación da esquerda o medio milleiro de persoas que ateigaron o Teatro Principal de Compostela ata o punto que ducias de persoas tiveron que presenciar o acto de pe.

Agora ben, o grado de desenvolvemento do proceso da Refundación da esquerda dependerá do compromiso, esforzo e xenerosidade co que os distintos actores sociais e políticos da esquerda transformadora galega aborden o proceso de Refundación nos próximos meses, incluso anos, asemade semella fundamental a implicación de toda a cidadanía alternativa para converter o proceso de Refundación da esquerda nun feito tanxible, real e cércano a sociedade.

O acto, que resultou ameno e entrañábel, contou con Xoán Abeleira como maxistral conductor. O escritor e poeta presentou a cada un dos participantes mentres recitaba, con paixón e mestría, poemas reivindicativos acompañado por un grupo musical formado por Álvaro Muras, Karlos Barral e Julio Cuns.

O desenvolvemento do acto foi moi dinámico e agradábel, xa que logo, deseñouse con intervencións curtas para que tivesen cabida o maior número de colectivos e sensibilidades. Logo dunha fermosa introdución de Xoán Abeleira na compaña do grupo musical, interveu Xabier Ron, activista social e político, quen trala proxección do “contrato social”, unha presentación que denuncia con claridade as desfeitas do sistema capitalista, desenvolveu en ton poético unha emotiva chamada a Refundación “porque os tempos son chegados, o pobo quere esquerdas”.

De seguido tomaron a palabra Miguel Fernández, portavoz do foro social galego e voceiro da Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais, e o xornalista e poeta Daniel salgado quen recitou un fermoso poema cargado de ideoloxía.

Posteriormente falaron Mariluz Maset da Marcha Mundial das Mulleres e Ricardo Castro Secretario Xeral da Central Unitaria de Traballadores/as (CUT) quen fixo unha chamada a Folga Xeral que foi moi aclamada dende as bancadas.

Todas as intervencións foron grandemente ovacionadas, pero o ton aínda subiu máis cando tomou a palabra o profesor Herminio Barreiro, a quen lle seguiu o historiador Eliseo Fernández, expoñente do movemento libertario quen salientou a necesidade de desenvolver políticas participativas dende abaixo, e Mariluz Canal, avogada e activista social no eido da solidariedade e a xustiza.

Ante a imposibilidade de asistires ao acto, proxectouse un vídeo coa intervención de Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Academia Galega. Pola súa banda o Secretario Xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, tamén desculpou a súa presenza a última hora e delegou a súa intervención en Xavier Montero Dongil membro da Executiva Nacional de CCOO.

Finalmente interveu Mariano Abalo, Secretario Xeral da FPG, quen, ao igual que o resto dos poñentes, saudou o proceso da Refundación da esquerda na Galiza e resaltou a importancia e necesidade de crear unha fronte ampla da esquerda anticapitalista.

Pecharon o acto por parte de Esquerda Unida, como organización iniciadora do proceso, o seu Coordinador Federal, Cayo Lara, e a Coordinadora Nacional, Yolanda Díaz. As súas intervencións foron constantemente interrompidas polos aplausos dun público totalmente entregado e ilusionado en que outro mundo non só é posíbel senón que é necesario mediante o desenvolvemento dun novo xeito de facer política que sexa quen de reactivar a sociedade.

Cayo Lara, que salientou o proceso de Refundación que se está a desenvolver na Galiza, arremeteu contra o club de Bilderberg indicando que se están a reunir “os terroristas financeiros internacionais”, os responsables da caos financeiro, a crise e o paro, acompañados por gobernos servís que están de xeonllos ante o poder financeiro, entregando a este os estados e as democracias, e dicir o poder popular. Lara indicou que a cidadanía non ten que poñer os recursos para saír da crise, senón os poderes financeiros, que son os que a xeraron, por iso apoia a folga do sector público do 8 de xuño e a avoga por unha folga xeral para demandar que sexan os estados os que controlen e regulen a economía, “Estamos no mundo ao revés, as democracias controladas, tuteladas e presionadas polas ditaduras dos poderes financeiros”.

Por último, Yolanda Díaz indicou que “a esquerda cometeu numerosos erros e non os queremos ignorar”, pero os tempos son chegados para a Refundación da esquerda, así pois “este acto non é mais que o pistoletazo de saída” dun proceso que pretende atopar unha "alternativa política fronte ao sistema capitalista depredador" a través dun proceso de "converxencia" con "toda a xente de esquerdas deste país" na procura de “construír unha ferramenta política que sexa capaz de incidir na realidade económica e social en Galicia” e transformar a sociedade. Asemade Díaz afirmou que Galicia ten historia e identidade propia, e debe poder empregar o dereito de autodeterminación ”co obxectivo de que, o pobo galego, leve a cabo “de xeito libre a súa condición política e o seu desenvolvemento”.