|
A Xuventude Comunista fai un chamamento á comunidade estudantil a non acudir a institutos e universidades o próximo 8 de xuño, sumándose deste xeito á folga do sector público convocada polos sindicatos.
Para a XC é importante que a comunidade estudantil mostre o seu apoio aos empregados públicos, denunciando así que recortar o investimento público é recortar a igualdade. Máis aínda, cando estamos empezando a palpar as consecuencias da implantación do Plan Bolonia nas Universidades: subidas de taxas universitarias, altísimos prezos en Másteres, redución de prazas en multitude de carreiras, entrada de empresas á universidade, ..., políticas mercantilizadoras que aínda que non provocan directamente unha privatización da educación, si son o caldo de cultivo para iso.
Ademais a situación en ensinos medios tamén é preocupante: institutos en pésimas condicións, número de alumnos por aula superior ao recomendado, falta de atención á diversidade, ..., o que se traduce nuns índices de fracaso escolar alarmantes, que se se estudan comparándoos co investimento en educación no P.I.B, comprendemos que se estamos á cabeza en fracaso escolar na UE é porque estamos á cola en investimento en educación. Pero é que ademais, na educación primaria e secundaria a privatización e a competencia desleal da escola concertada están facendo que aumente a segregación do alumnado. Mentres se producen numerosos agasallos de chan público a institucións educativas privadas, non son poucos os centros públicos que progresivamente van quedando en moitos barrios como servizo asistencial para alumnas e alumnos de familias máis empobrecidas (en moitos casos inmigrantes). Nalgúns casos a segregación prodúcese por criterios de sexo, polo financiamento público de colexios sexistas. Tamén nos plans que se están elaborando para FP estase deixando a porta aberta para a súa privatización, facilitándose que centros privados pasen a ofertar estes ensinos e abrindo canles de financiamento privado no uso de instalacións e equipamentos, que sumado aos anuncios da futura reforma laboral de poder ampliar en tempo o contrato de prácticas, pretende converter ao estudante de FP e futuro traballador nun escravo directo da empresa. A defensa da educación pública supón denunciar todos estes ataques, así como esixir unha rede pública gratuíta de educación infantil de 0 a 3 anos. E reducir o gasto público así como apostar por externalizar servizos é xustamente tomar a dirección contraria. É dicir, apostar por seguir os ditados neoliberais dados pola Unión Europea, a Organización Mundial do Comercio, o Fondo Monetario Internacional ou o Banco Mundial entre outros, que pretenden privatizar os servizos públicos para que pasen de ser dereitos de todas e todos, a negocio duns poucos. Para a Xuventude Comunista tanto o Plan de Axuste recentemente aprobado, como a futura reforma laboral que o Goberno pretende impor por decretazo, son medidas que descargan sobre a clase traballadora as consecuencias de pretender saír da crise seguindo os consellos de quen a xeraron. Por todo iso, chamamos ás e os estudantes a secundar a folga xeral do 8 de Xuño. ¡Estudantes, o 8 de Xuño paramos pola educación pública! ¡Porque hai alternativas ao capitalismo! ¡Porque non nos resignamos a ser carne de canón!
¡Contra a crise do capital, Folga Xeral!
|