| Ante as eleccións a Reitor na Universidade de Santiago de Compostela. |
|
|
| Luns, 24 Maio 2010 20:00 |
|
Ante as eleccións a Reitor na Universidade de Santiago de Compostela. Hoxe luns 24 de maio de 2010 tivo lugar na USC unha das tantas outras aplicacións prácticas dunha lei contra a cal o estudantado tanto galego coma do resto do Estado xa manifestou en numerosas ocasións o seu total rexeitamento. Dende a Xuventude Comunista, vémonos na obriga de denunciar unha vez máis o modelo de Universidade elitista, burocrático, mercantilista, de privatización encuberta e de suba de taxas que supón Boloña e a LOU e que se enmarca dentro dun modelo político, social e cultural, o neoliberalismo, que busca supeditalo todo aos intereses empresariais, custe o que custe, aínda que para iso haxa que recorrer a métodos claramente antidemocráticos. Resulta chocante que algunhas das organizacións que se posicionaron no seu momento radicalmente en contra de Boloña e da LOU agora sexan decididas impulsoras da súa aplicación, facilitándolle o traballo a esa minoría que nola impuxo dun xeito autoritario e totalmente antidemocrático. A coherencia non é precisamente a característica que mellor define a esas organizacións. As eleccións a Reitor impostas pola LOU e seguidas no proceso de Boloña pretenden venderse dende o poder como un avance democrático, cando en realidade son unha auténtica farsa. Con Boloña e a LOU renúnciase a un modelo de democracia participativa e instáurase un modelo presidencialista, que suxire dun xeito demagóxico que sexa o “pobo universitario” quen elixa ao Reitor, para que inmediatamente despois se autodisolva ese mesmo “pobo universitario”. Ademais, o sufraxio non é igual para todas as persoas, senón que é un sufraxio ponderado, cousa que parece máis propia dunha sociedade estamental que dunha sociedade supostamente democrática; o sector obxectivamente máis discriminado na ponderación do voto é precisamente o máis amplo da comunidade universitaria e o principal afectado por todas as reformas, o estudantado. A LOU impón, no seu artigo 20, que o voto dos/das profesores/as doutores/as representará o 51% do total dos votos validamente emitidos. Para estas eleccións do 24 de maio na USC, estableceuse que o voto dos/das estudantes representará o 25%. Sobran comentarios para describir esta farsa electoral na que cada estudante non conta practicamente nada. Desde a Xuventude Comunista, non queremos entrar nesta farsa electoral apoiando a ningún dos candidatos, pero si denunciar que nestes intres esteamos a aplicar unha lei que xa rexeitamos con rotundidade no seu momento, así como denunciar tamén que a día de hoxe o noso futuro siga a estar nas mans dos ricos coa Non a Boloña! Fora as empresas das Universidades! Por unha Universidade pública e democratica, organízate e loita! |













