Comunicado ante a folga de fame de tres familias viguesas

Imprimir
PDF

En Galiza no 2015 houbo 2432 desafiuzamentos e só no que leva do primeiro trimestre deste ano en Vigo leváronse a cabo 129. Contrario  a esta realidade, na cidade o alcalde nega calquera situación de desaloxo invisibilizando así á mesma. É así como a pesar de admitir que o ano 2015 foi pechado con superávit, na cidade non se dan solucións que poidan axudar as familias en risco de exclusión social e mentres a agrupación socialista e a Xunta pásanse a responsabilidade dunha a outra os prazos para dar solucións están a esgotarse.

A dificultade de ter un dereito a unha vivenda digna ou un aluguer social son onsecuencia do ánimo de lucro e o beneficio privado, facendo que as institucións eludan a súa responsabilidade de garantir estes dereitos. Mais a loita polo dereito a vivenda aglutínase dentro doutras máis amplas como son a situación económica, a precariedade e a explotación laboral. É por iso que é necesario artellar unha resposta contundente enmarcada na loita social  contra o negocio e a especulación sobre a vivenda, garantindo así unha vivenda digna para a clase traballadora .

Ante a falta dunha solución habitacional, a situación límite de tres familias, ás que teñen previstos os seus inminentes lanzamentos entre o 6 e o 19 de maio, e ante incapacidade sistemática para dar solución ao problema, dende o luns 2 de maio e xunto ó apoio da Rede de Solidariedade Popular de Vigo, as tres familias decidiron declararse en folga de fame na porta do Concello de Vigo. Esta e outras realidades as cales tamén se atopan invisibilizadas son consecuencia dunha crise que afoga a clase traballadora mentres ve esgotarse a súa prestación por desemprego e non poder facer fronte ás hipotecas e alugueres.

Por iso dende o Partido Comunista de Galicia e a Xuventude Comunista queremos amosar o noso apoio as familias que se atopan en folga de fame na súa loita polo acceso a unha vivenda digna.