Crónica das últimas reivindicacións do sector lácteo e a loita contra as imposicións da industria

Imprimir
PDF

O sector lácteo galego non pode cesar aínda no seu empeño por conseguir un prezo digno por riba dos custes de produción, pola garantía de recollida do leite de tódalas produtoras e por uns mecanismos reais que poñan fin ao desmantelamento do medio rural. O pasado 1 de abril, cando se iniciaba a nova campaña do leite e se cumpría un ano dende a desaparición da cuota láctea, as gandeiras do país concentráronse en Compostela para impulsar de novo as mobilizacións por unhas condicións de traballo dignas no noso agro. E é que a consecución das súas reivindicacións é o camiño cara a garantir o futuro do rural e o acceso da mocidade ao traballo gandeiro. Dende os gobernos galego e central, e mesmo dende a UE, non só non se deu unha resposta real á loita das gandeiras, senón que tamén silencian o conflito. Con todo, o goberno recoñeceu que se prevé o peche doutras 5000 granxas; isto é, cada vez concéntrase máis a propiedade do leite nunhas poucas mans, o que beneficia ás grandes empresas leiteiras e avoca a miles de familias produtoras á desaparición e a aceptar peores condicións de traballo para manterse.

A industria fai a súa parte mercando o leite por debaixo do custe de produción e negándose a recoller o leite das gandeiras se estas non asumen as imposicións das empresas. Á baixada do 20% no prezo en só dous anos súmase a política que a UE impón para os excedentes, que non ten en conta ningunha das reivindicacións do sector. A aposta dos distintos gobernos polo libre mercado, en definitiva, garante os beneficios para as grandes empresas, para o oligarquía alimentaria, á vez que empeora as condicións de vida das gandeiras e de todas as traballadoras do rural.

Todas estas razóns levaron á Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, integrada polos sindicatos agrarios e as gandeiras, a mobilizarse unha vez máis fronte á Xunta de Galicia. Alí analizouse de novo a situación que atravesa o sector e as dificultades que seguen arrastrando por mor das políticas neoliberais. Esta nova fase na loita do leite virá marcada, tal como decidiron na asemblea posterior, polas accións contra as importacións. Xa o ano pasado observamos como os sindicatos e gandeiras francesas boicoteaban as importacións de leite e outros produtos para obrigar á industria a mercar o leite producido nas súas granxas e a prezos dignos. Agora, tamén en Galiza se vai pular por forzar ás empresas a cumprir unhas premisas mínimas que aseguren o mantemento de todas as granxas e de todos os postos de traballo.

A loita do sector lácteo, como xa o viñamos coñecendo dende as grandes mobilizacións do ano pasado, é fundamental para que o noso medio rural non sexa propiedade de grandes empresarios e multinacionais. A única alternativa a este camiño no que nos atopamos é o cambio de modelo produtivo. O desmantelamento do sector lácteo, que ten lugar tamén en sectores como o mar, non deixa de ser para os capitalistas outra fórmula para manter a súa taxa de beneficios.

Por todo isto, non podemos renunciar á loita de todos os sectores do rural polos intereses das traballadoras, nin á loita por un sistema de produción socialista e democrático que poña fin ao goberno das multinacionais e da oligarquía alimentaria.