Afíliate!!
Caixa de Ferramentas

Caja de Herramientas de la UJCE

Tercera Información
Gracias compañeiro Fidel: é a hora de berrar ¡revolución!

 

A XC, desde a tranquilidade de que os valores da Revolución Cubana permanecerán inalterados tras a noticia pública da renuncia do compañeiro Fidel Castro Ruz a permanecer en primeira liña da vangarda revolucionaria do pobo de Cuba, manda un afectuoso saúdo ao home que durante máis de medio século encabezou os soños de independencia, soberanía e construción do poder popular nesa pequena illa situada a noventa millas do país que desenvolveu o imperialismo máis salvaxe coñecido pola humanidade.

Sen dúbida a xenial achega ideolóxica do compañeiro Fidel quedará para as futuras xeracións como ferramentas a utilizar na súa procura dunha sociedade sen clases onde sexamos capaces de conseguir unha vida digna sobre a base de espazos de socialización e de propiedade colectiva.

Sentimos comunicarlles a todos aqueles que polos diversos medios de comunicación manifestan os seus soños de traer para o pobo de Cuba a súa mal chamada "democracia", que os valores da Revolución Cubana non se acaban coa renuncia do compañeiro Fidel, devanditos valores están encarnados no pobo que masivamente apostou polo voto unido nas pasadas eleccións á Asemblea do Poder Popular.

Igualmente condenamos as declaracións de todos aqueles que intencionadamente coñecedores da simpatía do pobo español por Cuba, tratan de comparar a criminal e xenocida ditadura de Franco co socialismo cubano. Non é comparable os indubidables logros en materia de educación, saúde, dereitos políticos e sociais, mostras de solidariedade cos países empobrecidos polo imperialismo, cos miles de fusilados, torturados e exiliados por un réxime que sumiu ao pobo español nun gran atraso cultural e económico; nótase que o vago exercicio de memoria histórica realizado comeza a deixar pegada nalgún destes "intelectualoides".

Esiximos o respecto da comunidade internacional ao pobo de Cuba como único dono do seu destino e como os únicos capaces de decidir o modelo social e político no que queren desenvolver a súa vida á vez que admiramos con simpatía os logros deste nobre pobo, que a pesar do criminal bloqueo económico ao que se ve sometido foi capaz de achegar á súa poboación cotas inusitadas de benestar social e desenvolvemento sostido como o mellor legado para as futuras xeracións.

Como mostra de solidariedade e do internacionalismo proletario que define os nosos valores comunistas manifestamos a nosa intención de redobrar a nosa actividade para trasladar á sociedade española os nobres valores do pobo cubano e o papel de vangarda que este xoga nos procesos de liberación nacional que se dan no Latinoamérica como alternativa ao modelo neoliberal, conscientes de que o socialismo é a única vía posible para acabar coas desigualdades sociais.