| 31 Maio 2012
O pasado martes 29 de maio, diferentes organizacións xuvenís e estudantís de Ourense decidiron pecharse na Biblioteca Nodal seguindo o exemplo de tantas outras cidades, co fin de protestar contra os brutais recortes impulsados polo goberno do PP no ensino e a elitización e mercantilización da educación.
A partir das 9 da noite, hora á que pecha normalmente o edificio, os estudantes dispuxéronse a falar cos traballadores e traballadoras da Biblioteca, aos que se lles leu o manifesto explicando minuciosamente as nosas intencións, e quenes finalmente se mostraron en prol da nosa acción pedindo exclusivamente que respectásemos o material.
Ademais tamén se falara cunha parella da Policía Nacional que nos comunicou que se tomarían medidas pero que por esta noite podiamos quedar, deixándonos como toda vixilancia a un par de gardas de seguridade do edificio cos que non tivemos ningún problema.
A noite transcorría sen incidentes (realizáronse asembleas e actividades didácticas, habilitáronse zonas de estudo...) cando arredor das 2:30h da madrugada, comezaron a chegar numerosos coches e furgóns da Policía Nacional e Autonómica. Ao negarse a abandonar o peche, os estudantes foron agredidos, incluso sen opoñer resistencia, de xeito brutal e cruento. Entre os prexudicados atopábanse menores de ata trece anos.
Curiosamente logo da acción policial unha mesa e os libros dun andel, que ata entón permaneceran intactos, foron danados, xunto con material dos mozos pechados como as lentes dun compañeiro. Cómpre engadir que á violencia física se sumaron graves agresións verbais, como burlas ou ameazas.
Debido a esta nova neglixencia policial vémonos obrigados a criticar unha vez máis a acción dos corpos represivos do Estado, que alén de defender os dereitos da cidadanía, apostan por salvagardar os privilexios duns poucos, os mesmos aos que non lles convén que o ensino sexa un dereito universal de todas e todos.
O mércores 30 tras unha multitudinaria concentración na que demandouse á Xunta e á Subdelegación do Goberno responsabilidades políticas polo acontecido e que mostrou o amplo rexeitamento da veciñanza ourensá á violencia policial exercida, as e os estudantes reunidos en asemblea acordaron volver a retomar o peche esta vez no Edificio de Ferro do Campus Universitario de Ourense.
#pecheOurense
ANTE A REPRESIÓN, A LOITA ESTUDANTIL CONTINÚA!










