25 de Xullo, día de Galiza

Imprimir
PDF

Hoxe celebramos o día de Galiza, un dos días máis relevantes no calendario en moitas partes do país. Entre festas locais, véndesenos dende os medios de comunicación unha realidade falseada, como se de un produto comercial para ser consumido por turistas se tratase. Ao mesmo tempo ocúltanse as mobilizacións das traballadoras, os accidentes laborais, e se xustifican as violencias patriarcais ao tempo que se normalizan. Isto promove un modelo produtivo baseado na terciarización e na precariedade que nos rouba a posibilidade dun futuro no país.

Esta precariedade é a realidade que vivimos a mocidade galega. A falsa saída da crise, que lexitima o aumento da temporalidade, as baixadas salariais, e a perda de dereitos e servizos sociais para o aumento dos beneficios das clases posuidoras; condénanos ao paro e á inestabilidade presente nas nosas vidas. Neste contexto, a propaganda de clase bombardéanos coa diminución do paro nos meses de verán e vende coma un éxito os traballos mal pagados e estacionarios aos que nos condenan. Xustifican un modelo produtivo que non é o que nos proporciona traballo, senón o que nos ata á precariedade.

A terciarización é outra das causantes da situación da mocidade, que está está ligada ao desmantelamento do noso tecido produtivo. O último informe do Instituto Galego de Estatística amosa como o sector secundario ten un peso no PIB dun 16%; moi por debaixo do sector servizos, que crece na liña dos últimos anos acadando un de 63.2% e o sector primario mantense na liña de perda de peso.

Este proceso de terciarización afecta ao modelo produtivo en canto ás condicións laborais (especialmente da mocidade), así como no modelo educativo. Un modelo baseado no turismo precisa persoal con escasa cualificación como carne da cañón para un mundo laboral precarizado. É por isto, que só podemos agardar que continúen os ataques ao sistema educativo público coa finalidade de devaluar contidos. Tampouco podemos entender esta situación como algo natural ou normalizado, como algo propio da nosa realidade, senón que temos que sinalar que é a burguesía, mediante a Unión Europea, quen está detrás disto.

Outra consecuencia visible desta realidade é o chamado problema demográfico. Este non atinxe só á natalidade, senón que está relacionada coa perda de peso do sector primario e das ramas do sector secundario ligadas á alimentación, tipicamente os máis importantes nas zonas rurais. Ligado a isto, baixo o paraugas das políticas de austeridade, as zonas rurais están a sufrir ataques constantes aos seus servizos sociais: falta de ambulatorios, servizos de emerxencias, peche de institutos, transporte… Estas son realidades constantes nas nosas vilas que dificultan o desenvolvemento e planificación dun proxecto de vida. O mesmo acontece co ocio, relegado ao consumismo nas grandes cidades e acompañado por un despoxamento do espazo público, tanto nos núcleos urbáns como os rurais ou semi-rurais.

Á invisibilización deste proceso súmaselle o silencio social que acompaña aos accidentes laborais ocorridos no país. O descurso oficial da patronal e os seus servos di que a culpa é de quen sofre os accidentes, pois as medidas de seguridade sempre se cumpren, pero os datos din o contrario. Galiza ten a maior taxa de mortes por accidente laboral do Estado español, 7,27 falecementos por cada 100.000 traballadoras no 2016 (57 falecidas). Ademais dende a última reforma laboral os accidentes que causaron baixa laboral aumentaron un 12% a partir de 2012, amosando que é unha cuestión estrutural e non individual.

Outra das lacras do país é a violencia patriarcal, na mesma festa do Apóstolo cometeuse unha agresión machista, evidenciando a vixencia do patriarcado na nosa sociedade. Mais non é a única representación do patriarcado que sufrimos as mozas galegas; a obxectivación do corpo das mulleres nas festas ao longo do país ou a brecha salarial, acentuada pola precariedade dos traballos forman parte do noso día a día.

Ante isto, é preciso pór en valor as loitas obreiras ao longo do país: a folga de autobuses por unha estabilidade laboral e un convenio xusto, a loita das captadoras das ONGs contra as cláusulas abusivas, a folga do metal como ferramenta de presión na negociación colectiva; ou outros conflitos máis focalizados como o das traballadoras de Lefties, de Unipost, do hospital Miguel Domínguez, das examinadoras de tráfico, do 112; e conflitos que tiveron repuntes estes meses como o dos estibadores ou o das traballadoras de PSA-Citroen.

Entendemos que a loita e a mobilización son as ferramentas que temos para visibilizar e acadar o país que queremos. Un país á altura da nosa clase, no que as mozas e mozos galegos podamos ter un futuro.

Todo este panorama amosa conclusións claras: as mozas comunistas temos que formar unha trincheira en cada recuncho do país para construír un país á altura da nosa clase. Defender Galiza, reivindicar a nosa identidade nacional, a nosa cultura, a nosa lingua, o noso mar, a nosa terra, o futuro; pasa por defender á nosa clase. Defender Galiza defendendo á nosa Clase.