A Unidade Popular como ferramenta de clase

Imprimir
PDF

Durante os últimos anos a unidade popular estivo en boca de tódalas forzas cun proxecto político alternativo ao Réxime do 78. Pero, co fin de entender o papel que esta debe ter no momento actual, faise preciso definilo e entendelo dentro do contexto a día de hoxe.


Actualmente, baixo esta consigna, poden resumirse as contradicións que se dan dentro do bloque contrahexemónico. Nun momento onde está latente un intento por parte do Réxime de recuperarse da súa crise, amósase a tensión entre as posturas de recomposición e as de ruptura; entre a lexitimación do Réxime e a súa superación. Esta é unha das claves para entender o perigo da Unidade Popular como consigna e non como estratexia, como ferramenta de xestión do sistema capitalista ou como elemento para a ruptura.


A partir do ciclo electoral pasado, encadrado tamén co refluxo das mobilizacións que estabamos a sufrir, produciuse un debilitamento tanto cualitativo como cuantitativo das forzas que avogan pola ruptura. Este refluxo da mobilización non só repercutiu no número do concentracións ou manifestacións, senón tamén nun estancamento das mesmas froito da separación entre o conflito e mobilización. Esta separación produciu non só desánimo en canto a non ser capaces de concretar obxectivos e acadar vitorias, senón unha desconexión dos axentes mobilizadores coa realidade das clases populares. A isto último temos que sumarlle a falta de visibilización dos conflitos, que no seu conxunto provoca que estes non estean a ser capaces de propiciar o empoderamento das capas máis agredidas da sociedade.



Neste contexto, a nosa aposta pola Unidade Popular non é un espazo amplo e participativo sen máis, un cambio xeracional ou un discurso transversal. É a ferramenta para artellar tódalas loitas que se dan ao redor do país: loitas obreiras, a loita feminista, a loita estudantil, as loitas veciñais e todas aquelas que, a partir das problemáticas que como clase atopamos no noso día a día, son capaces de organizarse para acadar a súa solución. Isto último é o que chamamos Poder Popular, eixo indispensable á hora de pensar unha Unidade Popular de clase e con posibilidade real de rachar co Réxime.


Sen un fortalecemento do conflito, a consigna da Unidade Popular queda baleira e só serve para fins electorais e para movementos tacticistas dentro dos espazos xerados baixo este nome. Sen o empoderamento de clase, a xeración de estruturas aglutinadoras non supón un avance en si mesmo e non pode, polo tanto, ser considerado como a prioridade no contexto actual do país. A unión de forzas baixo a idea baleira de Unidade Popular só pode ser útil dende unha perspectiva reformista, non de clase. Avogamos por unha Unidade Popular que parta do conflito, que sexa útil para a súa solución e para a súa visibilización como contradicións do capital. A nosa aposta é, polo tanto, unha Unidade Popular como ferramenta das masas, non como trampolíns ou espazos de referencialización persoal ou organizativa.


En En Marea amósanse todas as contradición presentes no bloque contrahexemónico e, ao mesmo tempo, moitas das eivas que vimos analizando froito dunha concepción baleira da Unidade Popular. En primeiro lugar, as loitas tacticistas por intereses partidistas ou individuais fan que o debate político quede ausente do espazo, permitindo isto a toma de posicións polas forzas máis reaccionarias. En segundo lugar, a falta de bases supón unha desconexión total co conflito e as clases populares en xeral, provocando as mesmas eivas na loita institucional no país. Entendémolo pois, como un espazo incompatible co empoderamento das clases populares.


Non concordamos, polo tanto, en que a loita institucional deba ser o eixe principal e rexeitamos as posturas que avogan pola prolongación dun ciclo institucional illado por completo da realidade da nosa clase e que só pode servir ás posicións reaccionarias. Do mesmo xeito, compre repensar a mobilización, fuxindo de mecanicismos e o seu uso con fins partidistas. Toda mobilización ten que partir do conflito e debe ser unha ferramenta do mesmo para a súa solución. É por iso, que non podemos máis que saudar ás loitas de TeleMarketing, das ONG’s como Médicos Sen Fronteiras, as Kellys ou dos estibadores. Loitas, en moitos casos, cun perfil xuvenil e feminizado que amosan o primeiro paso para a construción da Unidade Popular, o traballo no día a día.


Unidade Popular para rachar co Réxime!