O noso 1 de Maio

Imprimir
PDF


Un ano máis, este 1º de maio conmemoramos o Día Internacional da Clase Obreira. Ao longo deste ano, fomos testemuñas da necesidade de seguir empregando esta data para reivindicar unha clase traballadora combativa e organizada.

A saída da crise do capital supuxo para nós un retroceso nos dereitos laborais, sindicais e sociais que golpeou especialmente á mocidade e ás mulleres. Os mecanismos da burguesía para asegurar a súa marxe de beneficios e os seus privilexios foron rebaixar os salarios das traballadoras ao mínimo, impoñer unhas condicións máis precarias, aumentar as xornadas laborais e perseguir os movementos de carácter sindical. Ademáis existen claros casos, como é o das estibadoras, nos que se trata de enfrontar á clase obreira entre si para evitar que se xeren lazos de solidariedade e organización contra o inimigo común: a patronal e o seu goberno.

A pesares da persecución coa que se responde cando xorde unha nova loita obreira, son moitos os exemplos nos que a necesidade de reivindicar a dignidade e o futuro foi maior que o medo ás represalias; podemos citar algunhas delas ao longo deste período.

No sector da industria, podemos destacar o conflito laboral en Alcoa, no que foron despedidos 34 traballadores auxiliares, e o de Navantia, no que as traballadoras loitan para que se cumpran as súas reivindicacións de consolidación da carga de traballo dos estaleiros e de cumprimento do convenio laboral. Pola súa banda, dende comezos de 2017 as traballadoras de Aluminios Cortizo veñen denunciando situacións escravistas na empresa, como ameazas de despedimentos e outros castigos, quendas esgotadoras de traballo, horas extras sen remunerar… De sobra é coñecida tamén a realidade das estibadoras, que se enfrontan a unha privatización do sector que reduciría ata nun 60% os seus salarios a pesares dos grandes riscos de siniestralidade laboral que sofren cada día. Isto constitúe, de maneira encuberta, un ERE, namentres os datos de beneficios dos portos son cada vez maiores. A todo isto súmase unha campaña por parte dos medios do réxime que ten como obxectivo dividir á clase obreira, incluso cando o propio mantemento do sistema da seguridade social precisa dos soldos das traballadoras en activo. Recentemente, activouse o conflito laboral en Pescanova, actualmente en estado de mediación, tras a ameaza do grupo empresarial de impoñer o convenio estatal de elaborados e a dobre escala salarial. Ademáis, existen outros casos nos que a empresa procedeu a despedir a obreiras por levar a cabo tarefas sindicais, como foi o caso da Recense en Lugo ou de PSA en Vigo.  

O sector servizos en Galiza está do mesmo xeito afectado polos abusos das empresas e as políticas neoliberais dos gobernos. Dende finais do 2016 e ata hoxe, as traballadoras dos Contact Center manteñen a súa loita contra a precariedade, esixindo o recoñecemento profesional e a aprobación do seu convenio, secuestrado pola patronal. A solución ao conflito só poderá darse entón, cando se produza a suba salarial e a conversión dos contratos anteriores a 2010 en indefinidos. Nunha situación semellante se atopa quen traballa captando socios na rúa para as ONGs. Os propios xuíces recoñeceron como abusiva a obriga contratual dos obxectivos mensuais, e as traballadoras denuncian outras moitas condicións precarias nos seus postos, como a estacionalidade, a presión á que están sometidas… Resultado disto foi o conflito xurdido en Médicos sen Fronteiras e que a día de hoxe segue aberto; así como as represalias que tomou a ONG contra un traballador en Vigo pola súa labor sindical en CCOO.

A mocidade estudantil que se incorpora ao traballo vive a mesma realidade, xa sexa en postos que combinan a tempo parcial cos estudos ou nas FCT, tamén coñecidas como prácticas de FP. Estas son ao final man de obra gratuíta para a patronal, xa que as prácticas non son remuneradas, e o estudantado non está asegurado e, a todos os efectos, considérase que non traballa. As estudantes da FP esixen unha mellora das condicións nas que desenvolven o seu traballo, dende a remuneración ata o aumento das bolsas. Unha loita salientable foi a mantida polas investigadoras predoutorais das Universidades que, sen previo aviso, viron os seus contratos por obra convertidos en contratos de prácticas; a súa loita levou ao Goberno a rectificar a súa modificación unilateral.

No medio rural, as condicións xerais da clase obreira vense agravadas pola dificultade que a mocidade ten para acceder a postos de traballo e por contar con escasos dereitos laborais. No caso dos traballos con presenza de mozas, como a vendima, estes caracterízanse pola súa evidente estacionalidade, pero tamén polas malas condicións laborais (como a ausencia de seguro), as longas xornadas ou a falla de prezos fixos. Esta situación fai que marchemos ás cidades na procura de mellores salarios e dereitos máis asentados. Con todo, somos as mulleres as grandes explotadas no rural: por unha banda, nos centros de traballo, logo no fogar e coidados e, por último, no agro. Este traballo invisibilízase aínda máis coas leis aprobadas pola UE e o goberno que impiden ou complican o acceso á propiedade da terra por parte das mulleres. Esta triple explotación e estas condicións de traballo reprodúcense no caso das traballadoras do mar.

No relativo ás pensións, este ano visibilizouse a loita das xubiladas para acceder a pensións dignas e garantir un sistema sostible para todas. Pero para isto é preciso contar coa solidariedade das traballadoras en activo, pois esta é tamén unha loita polos dereitos da clase obreira.

 

Unha das principais consecuencias que tivo o recorte xeralizado de dereitos nos postos de traballo foi o aumento da siniestralidade, sendo Galiza, durante o 2016, a nación con máis “accidentes” do Estado español. Isto derívase directamente do aumento das xornadas laborais, da presión por cumprir os obxectivos imposibles impostos pola patronal e, en moitos casos, da ausencia de medidas de seguridade ou de formación para o seu uso; non son mortes accidentais: á patronal non lle interesa a nosa integridade. Dende o pasado 1º de maio, moitos foron os casos de lesións ou mortes producidas nos postos de traballo. Así, pódese mencionar o caso dun traballador falecido ao caerlle enriba unha pedra en Ponteareas o pasado mes de marzo, ou o caso semellante do operario dunha empresa de taboleiros de granito en Guitiriz durante o verán. Actualmente, está aberta unha investigación pola norte dun traballador na fábrica de Alcoa San Cibrao. Con todo, cómpre lembrar a morte da mariscadora de Marín á que lle negaron a baixa por incapacidade tras sufrir un cancro.


En resumo, na Xuventude Comunista cremos que abundan as razóns para que este 1º de maio saiamos xuntas á rúa para esixir unha vida digna para a clase obreira; só organizadas poderemos frear as imposicións capitalistas e avanzar cara un futuro socialista no que ninguén máis sexa explotado.