O traballo captando socios/as na rúa

Imprimir
PDF

A camarada Ánxela cóntanos cómo é o traballo na rúa captando socios e socias para ONGs. Contra o que poida parecer, este non é un traballo de voluntariado. Son traballadores e traballadoras, con duras condicions laborais e unha presión constante para acadar obxectivos de venta.

Cales son as condicións actuais do centro de traballo? Empeoraron nos últimos anos, ou hai maior ameaza de que se impoñan ás traballadoras condicións máis precarias, salarios máis baixos e contratos máis abusivos?

O contrato que temos as traballadoras, é abusivo de por si xa que temos unha cláusula que marca cales son os obxectivos mensuais que temos que acadar, para continuar no noso posto de traballo, obxectivos lonxanos da realidade, e que non teñen en conta a situación actual da sociedade. Ademais podemos dicir que as condicións se manteñen igual no tempo, salvo certas cuestións nas que empeoraron.

Cales adoitan ser as demandas principais no sector de captación de socios?

As demandas do sector, son moi complicadas de recoller, xa que é un traballo no que a estacionalidade está presente, é moi raro traballar máis de 3 meses, pero en liñas xerais, as demandas poderíamos dicir que son: non traballar con tanta presión, non ter obxectivos afastados da realidade, ou non telos, non traballar en zonas onde non pasa xente, poder desfrutar dos días de vacacións, non facer horas extra, ter roupa axeitada, e que se recoñeza o noso posto de traballo, moita xente pensa que somos voluntarias, e non é así.

Hai actividade sindical ou organización dalgún tipo das traballadoras (asembleas, etc)?

Actualmente, existen diferentes seccións sindicais, e un comité conformado por 3 delegados de persoal, e participamos de asembleas do conxunto da plantilla.

Como valoras a labor sindical no centro de traballo? De non existir, cres que sería doado organizarse sindicalmente ou habería unha grande oposición e represión por parte da patronal?

A labor sindical que facemos dende a sección sindical na que participo a vexo moi necesaria, probablemente se non estivera organizada no meu centro de traballo, facendo reivindicacións, probablemente hoxe non seguiría no traballo, e se o fago e por mudar as condicións nas que estamos inmersas, e o futuro das que comezarán a traballar máis tarde. Actualmente temos presencia, nas rúas evidenciando as principais problemáticas, nas institucións, denunciando ante os xulgados e ante a inspección de traballo, e negociando coa empresa. E o máis importante: a labor sindical conseguiu que gran parte de nós, uniramos forzas para mudar a nosa situación de precariedade.

Consideras que a mocidade neste emprego conta en xeral cunhas condicións de precariedade? E as mulleres?

Si. A precariedade manifestase todos os días cando non sabes se vas ter curro dun mes para outro, cando os salarios seguen igual, cando a rotación é alta, cando o convenio colectivo ou o contrato non chega a cumprirse. As mulleres vivimos tamén neste sector a brecha salarial, e o teito de cristal, hai uns días unha noticia dicía que o 70% de altos cargos en ONGs eran homes. Ademais concretamente no noso día a día as mulleres do meu sector, sufrimos a violencia machista do sistema patriarcal no que vivimos, escoitando todo tipo de comentario cara a nós, ou xente que chega a tocarnos sen o noso consentemento, ou por parte dos xefes e das xefas que te obrigan ou te invitan a pintarte os beizos,  por exemplo.