Ante o último asasinato machista dunha moza lucense: en pé de loita contra o terrorismo machista

Imprimir
PDF

O pasado sábado a nova da aparición dunha moza asasinada sobrecollía a toda a cidade lucense e a todo o país. Tratábase de Tatiana, unha moza de 23 anos. Aínda está por confirmar que o asasino sexa a súa ex-parella, pero estariamos a falar de novo dun asasinato machista que engrosa o intolerable número de feminicidios no conxunto do Estado español.

A situación é insoportable. O asasinato de Tatiana sumaríase a outros 24 casos de feminicidios e outros asasinatos de mulleres (segundo feminicidio.net) no que vai de ano. Máis desalentador, se cabe, é o feito de que a policía e o xulgado xa tiveran indicios de violencia por parte da súa ex-parella. Estes non fixeron nada por non haber denuncia de Tatiana; ningunha acción preventiva foi promovida, deixando en evidencia a febleza dos protocolos e medidas que se levan a cabo nestas instancias.

As violencias machistas son un problema social e político ao que é preciso dar respostas sociais e políticas contundentes. Respostas que vaian máis alá das simples reformas e medidas parciais, sendo imprescindible o cuestionamento a todos os niveis do actual orde social na que se asenta esta violencia: o patriarcado.

En casos como este, o feminicidio remata por ser o máximo expoñente de relacións de parella baseadas na posesión e o control, moi presentes -e cada vez máis- na xuventude, e reforzadas pola idea do amor romántico, que se nos vende como ideal dende que somos nenas. Este caso tamén dá mostra de que a idea de que as xeracións máis novas están a mudar estas pautas de comportamento e relacións de poder nas mesmas ou na sociedade en xeral, é un mito.

Precisamos dunha xuventude que rexeite este tipo de relacións, comportamentos e formas de relacionarnos, que cuestione e rache coas relacións de poder establecidas polo patriarcado e que nos sitúan ás mulleres nun plano inferior. Precisamos ser nós as que lideremos un cambio que rache coas actitudes machistas nos círculos de amigos, familia, nas rúas e nos centros de traballo e estudo.

Como sempre, o feminismo sairá ás rúas para seguir evidenciando que o terrorismo machista é o que máis vítimas se salda, e que non estamos dispostas a seguir pagando con máis vidas a falta de vontade e recursos para atallar este tema de raíz. A Xuventude Comunista únese ás concentración de repulsa do movemento feminista.

Recollendo a reivindicación que levou á rúa a miles de mulleres o pasado 7 de novembro, sumámonos á esixencia de que as violencias machistas sexan tratadas como unha cuestión de Estado, que se establezan medidas de prevención e erradicación de xeito urxente. Só así remataremos co terrorismo patriarcal.

Querémonos vivas e loitando polos nosos dereitos!