Un futuro en galego para un futuro na Galiza!

Imprimir
PDF

     Din que o galego é unha lingua falada por menos de 3 millóns de persoas. Unha lingua coa que case non podemos traballar noutros países de Europa. Coa que imos a poucos sitios. Non coma o alemán. Ou o mandarín, que nos permite conversar con mil millóns de chineses.
        Pero nós preferimos a nosa lingua. Porque non falamos acotío cun chinés ou cun alemán, e si que o facemos cun galego ou cunha galega. Mídense as linguas  en «ata onde chegas con ela»? Nós cremos que se o seu valor está en se a podes usar en todos os momentos da túa vida, na túa terra e no teu posto de traballo. O galego é útil en todos os momentos do noso día a día: dende que collemos o bus, ata cando tomamos o café, compramos o pan, ou cargamos gasoil. Cando imos á escola e falamos cos e cas compañeiras. Que valor ten unha lingua se non é a de ser ferramenta para relacionarte co entorno?
        O galego énos útil tamén para reivindicar o noso dereito a ter un futuro no lugar onde nacimos. Aqueles que nos din que o galego non nos vale no estranxeiro, os que non no lo deixan usar nas administracións ou no posto de traballo, no lo quitan dos currículos escolares e no lo intentan facer esquecer, borrando tamén a nosa cultura popular. Estes son os mesmos que nos queren mandar a traballar lonxe da nosa terra facéndonos pezas móbiles no mercado que eles, os capitalistas, controlan. Pero a mocidade galega queremos elixir se quedar ou non na Galiza, e ter opción a desenvolvernos na nosa terra.
        E por iso precisamos a nosa lingua, e non nos vale outra. Porque é a lingua da nosa clase, coa que nos defendemos das imposicións do capital. Defender o noso idioma é defender o dereito da clase obreira a decidir como e onde queremos vivir.
        E defender, ante todo, o dereito a vivir na nosa terra.